"Baleiros"
"Baleiros" Tachar días do calendario. Sentir en cada poro da pel o paso parsimonioso do tempo. Non estar para ninguén, nin sequera para ti. Escoitar tanto silencio. Mirar sen ver. Deambular sen sentido polos currunchos da casa en sombras. Ir queimando un tras outro os cigarros da caixiña. Querer pensar. Querer pensar e non poder. Desexar que suceda o milagre e estar certo de que non vai suceder. Sentarse sen atopar postura. Pechar os ollos sen que o sono chegue. Perder o fío do filme que pasan no televisor sen que importe demasiado… Non poder facer máis que tachar días nas follas de todos os calendarios...