Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Viaxeiras (serie)

"Nai" (Viaxeiras...)

Imaxe
Nai.      Xa nada era igual na túa ollada. Canto baleiro amoreado no teu xesto. Tantos anos compartidos, tantos desvelos, non serviron para achegarnos e sermos cómplices nos últimos momentos, nin para saber máis a unha da outra, nin para dar e recibir consellos derradeiros. Anque, en realidade, nunca fuches moito así…           Agora preciso lembrar vivencias, momentos despreocupados e lixeiros nos que pensabamos que o tempo non corría para nós e o futuro estaría sempre aí ao alcance dos desexos.            Entre esforzos imposibles de memoria sento no teu sofá coa caixiña que atesoura outros instantes…            Preciso escarvar nese pasado, pescudar nas fotos que deixaches por ver que queda aínda de ti e de min.  

Viaxeiras...

Imaxe
       Nesta serie de fotos que dei en chamar VIAXEIRAS non importan tanto os rostros concretos como as meras presenzas, as situacións e o contexto que suxiren, os lugares e momentos que evocan nas nosas cabezas e nos nosos corazóns... que nos reconcilian co feito de ser muller e de protagonizar o propio devir.   A viaxe, aquí, non fai referencia ao significado máis habitual da palabra, pois non se refire a grandes desprazamentos físicos para os que son precisas moitas maletas nin demasiada equipaxe...   A viaxe que eu propoño ten máis que ver coas enormes " mochilas interiores " que pesan sobre as costas de todas as mulleres...

"Batallas perdidas"

Imaxe
"Batallas perdidas"                 Amable e gostoso moitas veces; violento e retador cando quere... o tempo é así. Ninguén pode controlar os seus vaivéns, ese ímpeto caprichoso de quen se sabe vencedor de tantos e tan vellos dasafíos. De nada serve acoutarlle estacións de conveniencia, establecer con el pactos protocolarios preconcibidos ou agardar, nin sequera, calquera sorte de benevolencia. Co tempo non se xoga. Se callar algunha sorte de vinganza explique o seu livián comportamento.    E así chegou maio, cuberto de choivas, de frío e de vento, lembrando que calquera batalla contra el é unha batalla perdida...  

Viaxeiras...

Imaxe
     Das follas do calendario cae aínda inverno, pero o sol quixo botarlles un pulso e loce con toda a súa forza e galanura.    Se acudir á chamada do mar é decote unha tentación, hoxe é case unha obriga. Hai cousas que sentan ben.    Ningún bañista na auga. Só area e mar interactúan nun xogo cómplice de infinitos. Só algunha xente que pasa, se detén e mira.    Que ten o mar que nos cativa... esas mareas que algo traen e algo quitan aos corazóns senlleiros. E catívanos a xente que mira o mar en solitario...    Mirar a quen mira o mar é apropiármonos un pouco dese misterio.

"Cansazo" (Viaxeiras...)

Imaxe
"Cansazo"                       Viaxar en transporte público é toda unha lección de socioloxía. En días diferentes e a diferentes horas, das paradas, vaise enchendo o bus coa xente que vai e vén do traballo, das aulas, de facer a compra do día, do cinema ou do ximnasio, se callar, de tomar un simple café…             Xestos, acenos e posturas, expresións de abandono espontáneas que afloran, á forza do costume das viaxes, alleas aos demais, revelan inquedanzas interiores, anceios e tamén desvelos, frustracións, estados de ánimo… que dificilmente se poderían ver doutro xeito.             Vidas interiores de mulleres, de persoas xubiladas e de rapazada… vidas das persoas que viaxan no bus.             Facer fotos no bus é sempre unha tentación e, con fr...

"Retrato en B/N"

Imaxe
"Retrato en B/N"              Adoro os retratos, especialmente os que están en branco e negro, ese traballo minucioso de reescritura, case filigrana, que fai a luz sobre as pegadas da vida gravadas nos rostros das persoas.    A ilusión de intuír os pensamentos que albergan, de achegarnos ao pasado que arrastran e mesmo de adiviñar expectativas futuras, nese xogo de contrastes luminosos que vai do branco ao negro, alimenta a atmosfera que se crea e atrapa definitivamente a nosa vontade de saber máis sobre a figura.    Coñecer mellor ou inventar de cero o personaxe, facelo noso... é un dos poderes que nos outorga esta fotografía, a fotografía.

Viaxeiras...

Imaxe
Viaxeiras...     O cansazo, despois dun día longo de camiñada sen tregua, apodérase do corpo.        O regreso ao fogar improvisado agradécese anque non consiga lembrar nin de lonxe o que pide o desexo.     Un  minimalismo cutre por deixadez e a angostura dos espazos levados ao extremo do imposible sen a mínima concesión á comodidade, e aínda moito menos ao deleite, constitúen o único consolo.   A fotografía é, tamén, un estado de ánimo.