Publicacións

"O burro de Buridán"

Imaxe
               Na casa de meu pai, cando el era neno, tiñan un pequeno burro para levar o leite á parroquia de Becín, no outro lado do monte. Unha mañá, cando xa estaban a medio camiño e coa carga ao lombo, o burro caeu ao chan como se estivese morto. Moi asustado, meu pai soltou as cinchas que suxeitaban a albarda e as cántaras do leite para aliviar o animal. Cando por fin se viu liberado, o burro resucitou e escapou de volta para a casa.            Non todos son como o burro de Buridán…  

"Reencontros..."

Imaxe
Reencontros...                    A vida é caprichosa e sorprendente, teimuda moitas veces para alén de plans persoais predicibles, preestablecidos ou mesmo calculados. Parece ter vontade propia e moverse á marxe de vontades alleas impoñendo os seus designios con absoluta determinación.            E xoga coas persoas como fai o vento coas follas nos outonos. Separa ou une ao seu antollo, establece frecuencias, xiros e viraxes, voltas e reviravoltas. Pequenos e grandes cataclismos. Tamén, momentos únicos que debemos inmortalizar… reencontros necesarios.

"Nai" (Viaxeiras...)

Imaxe
Nai.      Xa nada era igual na túa ollada. Canto baleiro amoreado no teu xesto. Tantos anos compartidos, tantos desvelos, non serviron para achegarnos e sermos cómplices nos últimos momentos, nin para saber máis a unha da outra, nin para dar e recibir consellos derradeiros. Anque, en realidade, nunca fuches moito así…           Agora preciso lembrar vivencias, momentos despreocupados e lixeiros nos que pensabamos que o tempo non corría para nós e o futuro estaría sempre aí ao alcance dos desexos.            Entre esforzos imposibles de memoria sento no teu sofá coa caixiña que atesoura outros instantes…            Preciso escarvar nese pasado, pescudar nas fotos que deixaches por ver que queda aínda de ti e de min.  

"Baleiros"

Imaxe
"Baleiros"                   Tachar días do calendario. Sentir en cada poro da pel o paso parsimonioso do tempo. Non estar para ninguén, nin sequera para ti. Escoitar tanto silencio. Mirar sen ver. Deambular sen sentido polos currunchos da casa en sombras. Ir queimando un tras outro os cigarros da caixiña. Querer pensar. Querer pensar e non poder. Desexar que suceda o milagre e estar certo de que non vai suceder. Sentarse sen atopar postura. Pechar os ollos sen que o sono chegue. Perder o fío do filme que pasan no televisor sen que importe demasiado… Non poder facer máis que tachar días nas follas de todos os calendarios...

Annie Leibovitz

Imaxe
Annie Leibovitz        Dise que as súas fotografías, sobre todo os seus retratos, marcaron a historia visual dos últimos setenta anos. Un impresionante portfolio dá conta da súa mestría na arte de capturar momentos, emocións e personalidades nunha única imaxe. Unha das características máis impresionantes do estilo Leibovitz é a súa capacidade para capturar a  esencia e a personalidade dos seus suxeitos. Os seus retratos séntense auténticos e revelan as capas internas das persoas que está a fotografar. A mestura de creatividade e técnica e un uso maxistral da luz, da cor, da composición e a conexión emocional entre o suxeito e o espectador son elementos que definen a súa obra e a converten nunha lenda viva da fotografía. Velaquí algunhas reflexións de Annie L . sobre fotografía... “Aprendín que algo que non parecía nada podía converterse en algo” “O teu traballo ten que significar algo para os demais” “A miña forma de afrontar a dor é facer fotos" “Obsérvoo tod...

Viaxeiras...

Imaxe
       Nesta serie de fotos que dei en chamar VIAXEIRAS non importan tanto os rostros concretos como as meras presenzas, as situacións e o contexto que suxiren, os lugares e momentos que evocan nas nosas cabezas e nos nosos corazóns... que nos reconcilian co feito de ser muller e de protagonizar o propio devir.   A viaxe, aquí, non fai referencia ao significado máis habitual da palabra, pois non se refire a grandes desprazamentos físicos para os que son precisas moitas maletas nin demasiada equipaxe...   A viaxe que eu propoño ten máis que ver coas enormes " mochilas interiores " que pesan sobre as costas de todas as mulleres...

"Batallas perdidas"

Imaxe
"Batallas perdidas"                 Amable e gostoso moitas veces; violento e retador cando quere... o tempo é así. Ninguén pode controlar os seus vaivéns, ese ímpeto caprichoso de quen se sabe vencedor de tantos e tan vellos dasafíos. De nada serve acoutarlle estacións de conveniencia, establecer con el pactos protocolarios preconcibidos ou agardar, nin sequera, calquera sorte de benevolencia. Co tempo non se xoga. Se callar algunha sorte de vinganza explique o seu livián comportamento.    E así chegou maio, cuberto de choivas, de frío e de vento, lembrando que calquera batalla contra el é unha batalla perdida...  

Ramón Masats

Imaxe
Ramón Masats          O pasado 4 de marzo, deixounos, aos 92 anos, o artista catalán Ramón Masats , o fotógrafo do " instante decisivo " segundo dixo del o tamén fotógrafo Carlos Pérez Siquier  (para el, o Cartier-Bresson español). Formou parte  da xeración dourada da fotografía española, a dos anos 50. Nun momento en que a fotografía española se atopaba constrinxida e onde a imaxinación parecía xogar un papel secundario, coa súa obra, contribuíu  a renovar esta disciplina desde unha ollada en branco e negro, neorrealista. Coa súa habilidade especial para captar con sentido do humor a ironía das situacións constrúe o retrato de toda unha época.  Masats non tivo unha formación regrada. Dedicouse simplemente a mostrar ao mundo a súa visión persoal, a ofrecer un punto de vista que ninguén máis podía capturar.    "O meu estilo foi intentar facer cousas diferentes, a verdade é que eu tampouco sei ben en que consiste.   Eu fotografa...

Viaxeiras...

Imaxe
     Das follas do calendario cae aínda inverno, pero o sol quixo botarlles un pulso e loce con toda a súa forza e galanura.    Se acudir á chamada do mar é decote unha tentación, hoxe é case unha obriga. Hai cousas que sentan ben.    Ningún bañista na auga. Só area e mar interactúan nun xogo cómplice de infinitos. Só algunha xente que pasa, se detén e mira.    Que ten o mar que nos cativa... esas mareas que algo traen e algo quitan aos corazóns senlleiros. E catívanos a xente que mira o mar en solitario...    Mirar a quen mira o mar é apropiármonos un pouco dese misterio.

"Ao abrigo do faro"

Imaxe
  "Ao abrigo do faro"             A primavera está próxima e manda recado. Os días son curtos aínda e hai que aproveitar a raiola que baila entre as nubes e o vento. Hai que facer do domingo un día distinto, un día de domingo.    Hoxe o xantar foi máis tardeiro que de costume... coa familia, coa parella, con xente amiga, xa se sabe. Gozar da tarde de sol, anque refresque xa un pouco, é, desde sempre, un ritual na vila de obrigado cumprimento e, como en procesión, todos se van achegando ao abrigo do faro.

"Pasadizos non tan secretos"

Imaxe
    "Pasadizos non tan secretos"                  Descender cara o que non se ve comporta sempre un aquel de inquedanza.    Con frecuencia, intento evitar os pasos subterráneos, como intento evitar as bocas de metro, os corredores angostos e mal iluminados dalgunhas galerías, calquera calella escura que me impida ver o que me agarda ou que interrumpa a tranquilidade necesaria para avanzar no meu camiño. Intento protexerme.    Hoxe atraveso o pasadizo. Figuras masculinas van e veñen sen temor aparente...    Pregúntome se estas prevencións miñas terán algo que ver coa condición de ser muller...

Mary Quintero

Imaxe
  Mary Quintero    Naceu no ano 1931, en Melide. Foi a primeira fotógrafa en asinar unha exposición en Galicia e, durante moitos anos, a única muller presente nos congresos da industria fotográfica.   Recoñecida como a retratista galega máis prestixiosa da época, chegou a retratar a gran parte da sociedade viguesa... " Cincuenta retratros de mujer " (1950) e " Bellos rostros " (1963) son un bo exemplo do seu traballo.     O seu traballo foi innovador en moitos aspectos: .Pioneira en colorear con pincel o branco e negro da fotografía. .Situouse á vangarda (pioneira en España e Portugal) do uso de tecnoloxías como o proxector de fondos e nas técnicas de retoque fotográfico para a fotografía en cor.    Confesa Mary Quintero: "Antes as mulleres tiñamos que levar unha rixidez brutal seguindo as normas. Ser fotógrafa permitiume facer o que quería."

"Atravesar o baleiro"

Imaxe
  "Atravesar o baleiro"                    O outro cabo da rúa parece hoxe máis distante, case inalcanzable. Arrebolarse ao precipicio... Romper esta barreira de silencios, de soidade absoluta, preséntase como un reto a proba de valentes... Atmosfera de hostilidades na que van cobrando vida experiencias e momentos do pasado nos que foi necesario atravesar o baleiro.