Publicacións

Mostrando publicacións desta data: abril, 2024

Ramón Masats

Imaxe
Ramón Masats          O pasado 4 de marzo, deixounos, aos 92 anos, o artista catalán Ramón Masats , o fotógrafo do " instante decisivo " segundo dixo del o tamén fotógrafo Carlos Pérez Siquier  (para el, o Cartier-Bresson español). Formou parte  da xeración dourada da fotografía española, a dos anos 50. Nun momento en que a fotografía española se atopaba constrinxida e onde a imaxinación parecía xogar un papel secundario, coa súa obra, contribuíu  a renovar esta disciplina desde unha ollada en branco e negro, neorrealista. Coa súa habilidade especial para captar con sentido do humor a ironía das situacións constrúe o retrato de toda unha época.  Masats non tivo unha formación regrada. Dedicouse simplemente a mostrar ao mundo a súa visión persoal, a ofrecer un punto de vista que ninguén máis podía capturar.    "O meu estilo foi intentar facer cousas diferentes, a verdade é que eu tampouco sei ben en que consiste.   Eu fotografa...

Viaxeiras...

Imaxe
     Das follas do calendario cae aínda inverno, pero o sol quixo botarlles un pulso e loce con toda a súa forza e galanura.    Se acudir á chamada do mar é decote unha tentación, hoxe é case unha obriga. Hai cousas que sentan ben.    Ningún bañista na auga. Só area e mar interactúan nun xogo cómplice de infinitos. Só algunha xente que pasa, se detén e mira.    Que ten o mar que nos cativa... esas mareas que algo traen e algo quitan aos corazóns senlleiros. E catívanos a xente que mira o mar en solitario...    Mirar a quen mira o mar é apropiármonos un pouco dese misterio.

"Ao abrigo do faro"

Imaxe
  "Ao abrigo do faro"             A primavera está próxima e manda recado. Os días son curtos aínda e hai que aproveitar a raiola que baila entre as nubes e o vento. Hai que facer do domingo un día distinto, un día de domingo.    Hoxe o xantar foi máis tardeiro que de costume... coa familia, coa parella, con xente amiga, xa se sabe. Gozar da tarde de sol, anque refresque xa un pouco, é, desde sempre, un ritual na vila de obrigado cumprimento e, como en procesión, todos se van achegando ao abrigo do faro.