Publicacións

Mostrando publicacións desta data: 2025

"O burro de Buridán"

Imaxe
               Na casa de meu pai, cando el era neno, tiñan un pequeno burro para levar o leite á parroquia de Becín, no outro lado do monte. Unha mañá, cando xa estaban a medio camiño e coa carga ao lombo, o burro caeu ao chan como se estivese morto. Moi asustado, meu pai soltou as cinchas que suxeitaban a albarda e as cántaras do leite para aliviar o animal. Cando por fin se viu liberado, o burro resucitou e escapou de volta para a casa.            Non todos son como o burro de Buridán…  

"Reencontros..."

Imaxe
Reencontros...                    A vida é caprichosa e sorprendente, teimuda moitas veces para alén de plans persoais predicibles, preestablecidos ou mesmo calculados. Parece ter vontade propia e moverse á marxe de vontades alleas impoñendo os seus designios con absoluta determinación.            E xoga coas persoas como fai o vento coas follas nos outonos. Separa ou une ao seu antollo, establece frecuencias, xiros e viraxes, voltas e reviravoltas. Pequenos e grandes cataclismos. Tamén, momentos únicos que debemos inmortalizar… reencontros necesarios.

"Nai" (Viaxeiras...)

Imaxe
Nai.      Xa nada era igual na túa ollada. Canto baleiro amoreado no teu xesto. Tantos anos compartidos, tantos desvelos, non serviron para achegarnos e sermos cómplices nos últimos momentos, nin para saber máis a unha da outra, nin para dar e recibir consellos derradeiros. Anque, en realidade, nunca fuches moito así…           Agora preciso lembrar vivencias, momentos despreocupados e lixeiros nos que pensabamos que o tempo non corría para nós e o futuro estaría sempre aí ao alcance dos desexos.            Entre esforzos imposibles de memoria sento no teu sofá coa caixiña que atesoura outros instantes…            Preciso escarvar nese pasado, pescudar nas fotos que deixaches por ver que queda aínda de ti e de min.  

"Baleiros"

Imaxe
"Baleiros"                   Tachar días do calendario. Sentir en cada poro da pel o paso parsimonioso do tempo. Non estar para ninguén, nin sequera para ti. Escoitar tanto silencio. Mirar sen ver. Deambular sen sentido polos currunchos da casa en sombras. Ir queimando un tras outro os cigarros da caixiña. Querer pensar. Querer pensar e non poder. Desexar que suceda o milagre e estar certo de que non vai suceder. Sentarse sen atopar postura. Pechar os ollos sen que o sono chegue. Perder o fío do filme que pasan no televisor sen que importe demasiado… Non poder facer máis que tachar días nas follas de todos os calendarios...