Publicacións

"Cansazo" (Viaxeiras...)

Imaxe
"Cansazo"                       Viaxar en transporte público é toda unha lección de socioloxía. En días diferentes e a diferentes horas, das paradas, vaise enchendo o bus coa xente que vai e vén do traballo, das aulas, de facer a compra do día, do cinema ou do ximnasio, se callar, de tomar un simple café…             Xestos, acenos e posturas, expresións de abandono espontáneas que afloran, á forza do costume das viaxes, alleas aos demais, revelan inquedanzas interiores, anceios e tamén desvelos, frustracións, estados de ánimo… que dificilmente se poderían ver doutro xeito.             Vidas interiores de mulleres, de persoas xubiladas e de rapazada… vidas das persoas que viaxan no bus.             Facer fotos no bus é sempre unha tentación e, con fr...

"Ás cegas"

Imaxe
"Ás cegas"                  Os portugueses teñen unha expresión que me gusta: “dar-se com alguem” , para indicar que hai boa sintonía entre dúas persoas. Paréceme acaída tamén para falar do feito fotográfico, para describir a relación que se pode establecer entre unha fotografía, a persoa que a fai e o público que a ve…             Non sempre a captura que se obtén se corresponde coa imaxe que se debuxou na retina de quen fixo o disparo...             Ás veces, algo semella interpoñerse entre o corazón, o ollo e a máquina. Son fotos sen alma , baleiras, carentes de significado e de escaso interese para quen se achega a elas anque sexan tecnicamente perfectas…             Se callar, toda fotografía non debe ser máis ca un acto de amor.

"Colita" (Isabel Steva Hernández)

Imaxe
 "COLITA"         A naturalidade era o seu selo persoal. A fotografía, como unha enfermidade ou un vicio que nunca a abandonou, retratando todo o que a rodeaba sempre, sempre. Con máis de cinco décadas de profesión, toda unha vida, poucas son as persoas, os acontecementos ou os lugares que escaparon ao seu obxectivo   (Colita , unha vida chamada fotografía,  vídeo cunha interesante entrevista á autora) A súa fórmula para ser considerada unha das fotoperiodistas españolas máis importantes é moi sinxela: saber mirar . Así o explica ela:            “Imaxina que tes un eixo. Unha fotografía é cando, ao disparar, disparas co cerebro, cos ollos e co corazón. Dá igual o que teñas nas mans… Se ti traballas coa cabeza, cos ollos e co corazón ten que saír unha boa foto.    Se non te emocionas co que fas, entón es como unha especie de leituga cunha cámara. Téñome que emocionar co que fago. Se ...

"Retrato en B/N"

Imaxe
"Retrato en B/N"              Adoro os retratos, especialmente os que están en branco e negro, ese traballo minucioso de reescritura, case filigrana, que fai a luz sobre as pegadas da vida gravadas nos rostros das persoas.    A ilusión de intuír os pensamentos que albergan, de achegarnos ao pasado que arrastran e mesmo de adiviñar expectativas futuras, nese xogo de contrastes luminosos que vai do branco ao negro, alimenta a atmosfera que se crea e atrapa definitivamente a nosa vontade de saber máis sobre a figura.    Coñecer mellor ou inventar de cero o personaxe, facelo noso... é un dos poderes que nos outorga esta fotografía, a fotografía.

"Paseo de Aninovo"

Imaxe
                                                                                "Paseo de Aninovo"                               Aninovo. A cidade dorme aínda como querendo aferrarse á última noite de ano.     Non hai présa por comezar cos novos propósitos formulados de hai pouco á calor de celebracións e despedidas. Doce meses por diante, o ano está completo e non hai lugar para a desculpa, a tantas veces repetida " para o ano "... É a hora da verdade.    Na rúa, os máis madrugadores deambulan sumándose a inercias consabidas; só as persoas que pasean cans parecen saber cal é o seu destino.

"Querido inverno: ..."

Imaxe
"Querido inverno: ..."                   Leva deitando a folla dende hai tempo, engorde, pero sen pausa, como querendo evitar os agobios de ultima hora, preparándose para o que poida vir...    Olla o inverno de cara e recíbeo así, núa, franca, de pólas abertas, serena e calma, coa fortaleza que outorga ter vivido outros invernos, se callar, peores. Intuímos o seu desexo...    Aprendo dela e agardo polo instante que me parece perfecto.    A fotografía, talvez, é un modo de aprender a esperar.        

"Amig@s"

Imaxe
   Os domingos son días distintos, desde sempre mo pareceron. Son días que poñen a proba a capacidade de inventar a vida; de enfrontarse cara a cara cun mesmo e coas cousas e persoas do propio entorno, coas escollas realizadas; medidores de autosatisfacción que sacan a relucir os trapos sucios da intimidade presente. O mundo paralízase os domingos, ponse en stand bye deixando ao descuberto fortalezas e carencias, por iso son días moi propicios para a nostalxia, para as lembranzas e o recordo de ausencias… se as houber.

"Lembrando a Elliott Erwitt..."

Imaxe
"Lembrando a Elliott Erwitt..."     O día 1-12-2023 almorzaba o mundo coa nova que daba conta da morte de Elliott Erwitt, o "fotógrafo de cans e nenos" como lle chamaron algúns... máis tamén o fotógrafo que con humor, emoción e unha enorme naturalidade foi quen de representar, entre outras moitas realidades, o absurdo cotián que nos rodea...    O mundo da fotografía espertaba un pouco máis orfo...    Na rúa segue o outono o seu curso natural e as árbores deixan caer as últimas follas... pero lembro as palabras de Erwitt:   "A beleza da fotografía está na súa capacidade de deter o tempo"        

"Xogos de inverno"

Imaxe
"Xogos de inverno"     Os días de choiva traen case sempre consigo un aroma a nostalxia e a tempo pasado e lento...    A imaxe do neno atravesando a rúa ao abeiro do seu paraugas na procura das pozas do camiño como único elemento de distracción alleo á adversidade do contexto...     As palabras de Neira Vilas veñen soas..."Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén..." ( Memorias dun neno labrego )   Imaxes e palabras que constrúen mundos...  

Viaxeiras...

Imaxe
Viaxeiras...     O cansazo, despois dun día longo de camiñada sen tregua, apodérase do corpo.        O regreso ao fogar improvisado agradécese anque non consiga lembrar nin de lonxe o que pide o desexo.     Un  minimalismo cutre por deixadez e a angostura dos espazos levados ao extremo do imposible sen a mínima concesión á comodidade, e aínda moito menos ao deleite, constitúen o único consolo.   A fotografía é, tamén, un estado de ánimo.

Sion Fullana

Imaxe
Sion Fullana    "Contador de historias e narrador do cotián", como el mesmo se define, é un profesional da Narrativa Visual, nado en Manacor (1976), considerado como un dos artistas pioneiros a nivel internacional da revolución da fotografía móbil.    Das súas propias palabras, podemos deducir o que Sión entende por fotografía:    "A miña maior paixón, e na que trato de enfocar todo o meu traballo , é a arte de contar unha boa historia. Da miña formación en xornalismo, sei como captar a esencia máis real e honesta dun evento, suxeito, persoa ou un momento de vida na rúa, e como transmitir esa mensaxe con éxito. Por outra banda, cos meus estudos e paixón polo cinema, incorporo unha estética cinematográfica ao meu traballo, coa intención de crear historias e imaxes evocativas, que adquiren vida na mente da audiencia."

"Vaia, vaia, aquí si hai praia..."

Imaxe
"Vaia, vaia, aquí si hai praia..."        Ocórreme moitas veces a carón do mar, en lugares que conservan aínda ese sabor agreste a descoberta...     Unha certa sensación de miudeza e infinitude a un tempo...      E unha morea de palabras que acoden a esa cita co ceo e co mar: inmensidade, inmensurábel, enormidade, grandiosidade , magnificencia, forza, poderío...    E fico parada, intentando  atrapar un pouquiño dese instante que impresiona...    

"Iguarias"

Imaxe
"Iguarias"    O 23-10-21 colocaba eu esta fotografía na que era, naquela altura, a miña conta de Instagram.    A palabra "Iguaria" non existe aínda no Dicionario da RAG, pero debería, por iso a tomei do português... como unha forma de reivindicación.    Hai palabras que suxiren e estimulan os nosos sentidos, que conteñen unha forza expresiva e unha capacidade de evocación de realidades complexas que van máis aló do que perciben os ollos a simple vista.     Con estes elementos diante de min, tan do meu pequeno país, pensei no " dolce far niente "... neses momentos de goce e plenitude nos que non parece necesario nada máis, no valor desas pequenas cousas que fan da vida unha "iguaria".