Publicacións

Mostrando publicacións desta data: 2023

"Querido inverno: ..."

Imaxe
"Querido inverno: ..."                   Leva deitando a folla dende hai tempo, engorde, pero sen pausa, como querendo evitar os agobios de ultima hora, preparándose para o que poida vir...    Olla o inverno de cara e recíbeo así, núa, franca, de pólas abertas, serena e calma, coa fortaleza que outorga ter vivido outros invernos, se callar, peores. Intuímos o seu desexo...    Aprendo dela e agardo polo instante que me parece perfecto.    A fotografía, talvez, é un modo de aprender a esperar.        

"Amig@s"

Imaxe
   Os domingos son días distintos, desde sempre mo pareceron. Son días que poñen a proba a capacidade de inventar a vida; de enfrontarse cara a cara cun mesmo e coas cousas e persoas do propio entorno, coas escollas realizadas; medidores de autosatisfacción que sacan a relucir os trapos sucios da intimidade presente. O mundo paralízase os domingos, ponse en stand bye deixando ao descuberto fortalezas e carencias, por iso son días moi propicios para a nostalxia, para as lembranzas e o recordo de ausencias… se as houber.

"Lembrando a Elliott Erwitt..."

Imaxe
"Lembrando a Elliott Erwitt..."     O día 1-12-2023 almorzaba o mundo coa nova que daba conta da morte de Elliott Erwitt, o "fotógrafo de cans e nenos" como lle chamaron algúns... máis tamén o fotógrafo que con humor, emoción e unha enorme naturalidade foi quen de representar, entre outras moitas realidades, o absurdo cotián que nos rodea...    O mundo da fotografía espertaba un pouco máis orfo...    Na rúa segue o outono o seu curso natural e as árbores deixan caer as últimas follas... pero lembro as palabras de Erwitt:   "A beleza da fotografía está na súa capacidade de deter o tempo"        

"Xogos de inverno"

Imaxe
"Xogos de inverno"     Os días de choiva traen case sempre consigo un aroma a nostalxia e a tempo pasado e lento...    A imaxe do neno atravesando a rúa ao abeiro do seu paraugas na procura das pozas do camiño como único elemento de distracción alleo á adversidade do contexto...     As palabras de Neira Vilas veñen soas..."Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén..." ( Memorias dun neno labrego )   Imaxes e palabras que constrúen mundos...  

Viaxeiras...

Imaxe
Viaxeiras...     O cansazo, despois dun día longo de camiñada sen tregua, apodérase do corpo.        O regreso ao fogar improvisado agradécese anque non consiga lembrar nin de lonxe o que pide o desexo.     Un  minimalismo cutre por deixadez e a angostura dos espazos levados ao extremo do imposible sen a mínima concesión á comodidade, e aínda moito menos ao deleite, constitúen o único consolo.   A fotografía é, tamén, un estado de ánimo.

Sion Fullana

Imaxe
Sion Fullana    "Contador de historias e narrador do cotián", como el mesmo se define, é un profesional da Narrativa Visual, nado en Manacor (1976), considerado como un dos artistas pioneiros a nivel internacional da revolución da fotografía móbil.    Das súas propias palabras, podemos deducir o que Sión entende por fotografía:    "A miña maior paixón, e na que trato de enfocar todo o meu traballo , é a arte de contar unha boa historia. Da miña formación en xornalismo, sei como captar a esencia máis real e honesta dun evento, suxeito, persoa ou un momento de vida na rúa, e como transmitir esa mensaxe con éxito. Por outra banda, cos meus estudos e paixón polo cinema, incorporo unha estética cinematográfica ao meu traballo, coa intención de crear historias e imaxes evocativas, que adquiren vida na mente da audiencia."

"Vaia, vaia, aquí si hai praia..."

Imaxe
"Vaia, vaia, aquí si hai praia..."        Ocórreme moitas veces a carón do mar, en lugares que conservan aínda ese sabor agreste a descoberta...     Unha certa sensación de miudeza e infinitude a un tempo...      E unha morea de palabras que acoden a esa cita co ceo e co mar: inmensidade, inmensurábel, enormidade, grandiosidade , magnificencia, forza, poderío...    E fico parada, intentando  atrapar un pouquiño dese instante que impresiona...    

"Iguarias"

Imaxe
"Iguarias"    O 23-10-21 colocaba eu esta fotografía na que era, naquela altura, a miña conta de Instagram.    A palabra "Iguaria" non existe aínda no Dicionario da RAG, pero debería, por iso a tomei do português... como unha forma de reivindicación.    Hai palabras que suxiren e estimulan os nosos sentidos, que conteñen unha forza expresiva e unha capacidade de evocación de realidades complexas que van máis aló do que perciben os ollos a simple vista.     Con estes elementos diante de min, tan do meu pequeno país, pensei no " dolce far niente "... neses momentos de goce e plenitude nos que non parece necesario nada máis, no valor desas pequenas cousas que fan da vida unha "iguaria".

Ouka Leele

Imaxe
  Ouka Leele    É o nome artístico de Bárbara Allende Gil de Biedma, artista multidisciplinar moi coñecida polas súas obras nas que mestura fotografía e pintura cun estilo absolutamente único.    Como artista, formou parte da Movida madrileña  dos anos 80, corrente contracultural que xurdiu na época da Transición, despois da morte do ditador.    Cando comezou dedicábase exclusivamente á fotografía en branco e negro. Co tempo, introduciu a cor pintando directamente as copias con acuarela unindo as súas dúas paixóns: fotografía e pintura.    Un par de reflexións de Ouka Leele sobre fotografía: "Hai que facer o que che dea a gana, o que che saia cada día. O teu estilo es ti"   "O artista ten que innovar, anque conte o mesmo. Anque xa se teña falado de circo, tes que volver falar do circo con outra ollada"

"Ruínas..." (Santa Baia de Chacín)

Imaxe
"Ruínas..." (Santa Baia de Chacín)    En Santa Baia de Chacín, en Mazaricos, no máis alto da aldea, encontramos o que queda desta igrexa que noutrora foi centro relixioso da parroquia e, seguramente tamén, motivo de orgullo e señorío ...    De todo aquilo, estas ruínas, en pugna constante contra o tempo e a maleza, case esquecidas, semellan resistirse mostrando con certo desdén a fortaleza que aínda conservan: o seu robusto campanario ...     Con este reproche, ao erguer a ollada cada mañá, han de vivir os veciños do lugar, mentres non poñan remedio...

"Sen flash"

Imaxe
"Sen flash"    Esta foto da Torre de Hércules da Coruña, foi subida a Instagram o 21-10-2021. O título, Sen flash.    É fácil reparar nela, sempre presente, sempre aí a pouco que desvíes a ollada, observándote en silencio desde a distancia, segura de si, da súa grandeza e poder de sedución sobre a cidade, sobre todos nós.    Sempre a mesma, pero tan distinta cada día...

"Case verán na lagoa de Baldaio"

Imaxe
"Case verán na lagoa de Baldaio"        Houbo un tempo en que Baldaio foi  explotado por empresas privadas para a extracción de area. Destruíran a paisaxe da ría, modificaran as súas correntes e impediran ao vecindario levar a cabo os tradicionais labores de marisqueo cos que subsistía...    Despois dunha batalla longa, cruenta, moi dura, por fin a lagoa volve ser o que foi: un dos humedais máis importantes de Galicia e zona de especial protección ambiental.    Hoxe, na calma das primeiras horas da tarde, a Lagoa sestea agardando, paciente, a chegada do verán...  

Anatomía dunha ollada fotográfica (Óscar Colorado)

Imaxe
"Anatomía dunha ollada fotográfica"    A mellor carta de presentación do inabarcable quefacer de ÓSCAR COLORADO é o seu propio blog ÓSCAR EN FOTOS    Unha vida dedicada a difundir, analizar e promover o goce da fotografía a través da cultura visual:  "Non podo deixar de confesar que unha das miñas paixóns é investigar, analizar e reflexionar a fotografía . Estou convencido de que vale a pena comprender un pouco máis os grandes mestres e ocuparnos da cultura visual e, de maneira máis específica, da cultura fotográfica"     O esquema da fotografía recolle información extraída do blog de ÓSCAR. 

"Novidades Carmiña"

Imaxe
"Novidades Carmiña"    O 19/10/2021 subín esta foto a Instagram co título  Novidades Carmiña.    Considereino un regalo do propio establecemento que conservara o nome intacto desde uns inicios que xa se perden na memoria, un nome que mantén ese sabor a tradición e mesmo a infancia e barrio, cando aínda as novidades sorprendían nos comercios...    A estampa detrás da vidreira... tan doutro tempo, tan doutros lugares que aínda habitan algún curruncho dos nosos corazóns...   

"No corazón do bosque"

Imaxe
"No corazón do bosque"    Anda o sol baixo en Outes, disposto para as despedidas...     Entre as pólas, aínda os últimos raios permiten ver a densidade da follaxe entre tanto silencio. Nada se move a esta hora e todo é bosque.    A pecepción da cor é case un mero recordo mentres vai chegando o tempo da inquietude do crepúsculo.

Ruth Matilda Anderson

Imaxe
 Ruth Matilda Anderson     Nada en Nebraska (1893), viaxou a Galicia en 1924 como fotógrafa para a Sociedade Hispánica de América .    Aquí conseguiu documentar a vida e os costumes das xentes en zonas de moi complicado acceso, e en especial de mulleres e nenos nun tempo no que ser protagonista feminina non era doado.      Ata ese momento tampouco as actividades da poboación traballadora do campo e do mar nin a cultura material de Galicia foran obxecto principal de atención para a fotografía dun modo tan exhaustivo.    Anque foi pioneira na concepción da fotografía como ferramenta de investigación e construción científica, defendia o elevado potencial da imaxe fotográfica para transferir e suscitar emocións: "A fotografía é unha técnica precisa e complexa, anque extraordinariamente dotada de vida e cualidades orgánicas, capaz de reflectir as condicións e circunstancias en que foi realizada e portadora de significados non visibles e...

"Pinceladas"

Imaxe
"Pinceladas"    O 18-10-2021 publiquei esta foto en Instagram co título "Pinceladas"... como  homenaxe á estreita, case íntima, relación entre a pintura e a fotografía.    Seguramente non concordaría comigo Baudelaire: "A poesía e o progreso son dous ambiciosos que se odian cun odio instintivo, e, cando coinciden no mesmo camiño, un dos dous debe valerse do outro. Se se permite que a fotografía supla a arte nalgunha das súas funcións pronto, grazas á alianza natural que atopará na necidade da multitude, teraa suplantado ou totalmente corrompida. É necesario, polo tanto, que cumpra co seu verdadeiro deber que é o de ser serventa das ciencias e das artes, pero a moi humilde serventa, o mesmo que a imprenta e a escenografía, que nin crearon nin substituíron a literatura".        

"Sisargas, unhas illas no medio do mar"

Imaxe
"Sisargas, unha illas no medio do mar"    Os xeógrafos romanos Plinio e Ptolomeo escribiron que o cónsul Sextio levantou nestas illas de Galicia un templo coas Aras Sextinas para honra de César...     Hai quen conta tamén que un pirata que se vía perseguido deixou enterrado nelas un tesouro que nunca foi encontrado...    Lugares de evocación ou fantasía, destino involuntario de tantos naufraxios...

Alberto Schommer

Imaxe
Alberto Schommer      Fotógrafo moi coñecido, entre outros, polos seus " retratos psicolóxicos "...     A súa forma de tratar os retratos tivo unha enorme repercusión durante os anos 70 e 80 e as súas fotos acabaron converténdose nunha especie de reportaxe visual da transición española .    Fala da fotografía como dunha arte á mesma altura cás outras artes; da fotografía subxectiva, psicolóxica, simbólica como produto da emoción...    Recollemos aquí unha das súas reflexións sobre o feito fotográfico: "A arte fotográfica sempre debe demostrar algo. Ten a obriga de mostrar ou descubrir novas formas plásticas. Retrata a realidade ou a interpreta segundo a súa libre fantasía. O fotógrafo pode, incluso, adiantarse aos momentos presentes e aportar imaxes de grande interese no plano psicolóxico..."  

"Mimese"

Imaxe
"Mimese"     Subía eu esta foto a Instagram o 3-10-2021 e púxenlle por título " Mimese".    Na Poética de Aristóteles, esta aparecía como un elemento fundamental que tiña que ver coa imitación ...    Aquela mañá, nos arredores da Capela do Santo Alberte, en Guitiriz, todos os elementos da paisaxe parecían xogar a imitarse entre si até fundirse e facerme confundir arquitectura e natureza...

"Na outra beira..."

Imaxe
"Na outra beira..."    Se rebuscamos nos manuais, poderemos averiguar que o medo a cruzar pontes ten nome: " xefirofobia" .     Se callar, non con tanta intensidade, pero con frecuencia,  o descoñecido esperta unha certa inquedanza...      Non vemos o que hai na outra banda; non sabemos que sorpresas nos deparará atravesalas...    Neste caso, o branco-negro dálle a man a esa inquietude.     .

Carlos Bosch

Imaxe
 Carlos Bosch    O 23-xuño do 2020, nun titular podía lerse: Morre Carlos Bosch , o fotógrafo arxentino que fixo da noticia cotiá unha arte. O seu retrato de Dalí postrado no hospital, o de Cortázar pouco antes do seu pasamento e feitos como de facerse pasar por falanxista en Madrid durante tres anos co único obxectivo de retratar a realidade da transición española, entre outros, fixérono famoso. Deixo aquí algunhas das súas reflexións sobre fotografía "Cando fago unha foto, non a fago polo que van dicir ou non van dicir. Fágoas para comunicar o que me pasa a min e que se entenda" "A fotografía é testemuñar, costruír memoria e para iso o fotógrafo sempre toma unha posición que é política, moral ou ética... Un saca o que pensa da realidade"

"Texturas"

Imaxe
"Texturas"    O 14-10-2021 subía eu a Instagram esta imaxe que titulei " Texturas ".    Unha das definicións do dicionario para a palabra textura fai referencia á forma en que se presenta a superficie dunha obra artística, principalmente pictórica, que produce unha sensación táctil ou visual.    Ante os meus ollos, xusto debaixo dos meus pés, estendíase o lenzo desafiando os meus sentidos...

"Terra de viños"

Imaxe
"Terra de viños"    Rías Baixas, Valdeorras, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei...     Non sabemos  da  denominación de orixe, pero a libre disposición das barricas na rúa, tanta variedade, as súas vellas e gastas madeiras, ao pasar, fálannos de que aquí se goza do viño, da festa e da boa compaña sen previo aviso.    E traen ao maxín aquelas antigas cancións aprendidas decontado nas tabernas... as  habaneras.

Carlos Saura

Imaxe
 Carlos Saura     É unha figura importante da historia do cinema español, pero antes de dedicarse ao cine, xa descubrira o valor da fotografía como testemuña e como lugar para a memoria... Ela foi unha das súas grandes paixóns.    As súas fotografías eran expresionistas e cotiás, recollían a vida dos lugares que o rodeaban. Reparaba en detalles, rostros, nas sombras, nas paisaxes... algo así como se construíse un dos seus fantásticos documentais, pero sen son.     Deixo aquí unha das súas reflexións...    "A fotografía é algo terrible, un dos inventos máis maquiavélicos da historia da humanidade porque, dalgunha maneira, cada vez que disparamos unha cámara o que obtemos e gardamos é xa pasado, o cal é bastante desacougante. É o tremendo da fotografía, que fala de tempos que xa non volverán"

"Tempo de agarda"

Imaxe
"Tempo de agarda"     Publicada no Instagram o 12-10-2021 co título Tempo de agarda.    As estacións de tren son lugares que nunca resultan indiferentes: reencontros, despedidas, descobertas, ilusións -ás veces truncadas-, inquietude, ansiedade, decepción, destino.  Son moitas as emocións que conviven e se cruzan neses momentos nos que o tempo semella detido...   

"Solpores de xuño"

Imaxe
"Solpores de xuño"  Ver marchar o sol detrás do día... Imaxes tan frecuentes como  únicas. Non se repiten xamais.    Nesta ocasión, o ceo aparece empedrado e  parece emerxer do propio sol que como un trípode perfecto no que apoiarse, evita que  poida caer sobre as nosas cabezas, esconxurando así o temor de  Abraracúrcix..   Non podía deixar de inmortalizar este momento...

Cristina Otero

Imaxe
Cristina Otero    Nada en Pontevedra, no ano 1995 é unha artista e fotógrafa galega internacionalmente coñecida, sobre todo, polos seus autorretratos .  Desenvolve unha intensa actividade en redes sociais . Nunha entrevista realizada para o xornal La Vanguardia,  podemos ler: "Descubrín a fotografía como algo máis alá que unha simple captura de recordos... Ao final penso na fotografía, e máis concretamente no autorretrato, que é no que estou especializada, como unha conversa comigo mesma. Un cara a cara. Mirarse ao espello e ter unha conversa profunda"

"U-la lúa??"

Imaxe
  Coa pregunta "U-la lúa??" titulaba eu esta foto publicada en Instagram o 5-9-21. O adverbio U   (usado sempre en interrogación, sen verbo e seguido das segundas formas do artigo ou do pronome ) permitíame usar a aliteración ou repetición do L  establecendo unha especie de xogo coa palabra Lúa... xustamente o elemento que provocaba a toma desta instantánea cando de repente a descubrín entre os edificios e que case pasa desapercibida ante os meus ollos naquel luscofusco aínda tan cheo de luz e de color.  O acabado un tanto borroso ou pouco definido era a guinda perfecta para obter un escenario fantástico con sabor a banda deseñada...

Manuel Ferrol

Imaxe
Manuel Ferrol    É un fotógrafo galego, nado en Cabo Vilán, Camariñas, no ano 1923. Morreu no 2003. Internacionalmente é coñecido como o fotógrafo da emigración e está considerado como un dos grandes fotógrafos do s.XX. <<Ferrol emprega unha linguaxe concisa e directa, ao servizo dunha mensaxe cargada de profundo patetismo: rostros desenfocados, composición heterodoxa, figuras fóra de foco, luces saturadas... Todo un conxunto de erros e carencias técnicas que non só non mermaban a eficacia narrativa das fotografías senón que incluso enfatizaban o seu dramatismo>> diría da fotografía de Manuel Ferrol, Publio López Mondéjar en 150 años de fotografía en España. Do propio Manuel Ferrol quédanos a seguinte reflexión: "Sentín a necesidade de reflexar o que sentía, en ningún caso o que vía"

"A casa polo tellado"

Imaxe
"A casa polo tellado"    Se tivese que escoller unha figura retórica para esta fotografía,  probablemente pensaría na Sinécdoque . Os elementos que compoñen ese "tellado" lévanme a imaxinar a casa enteira, a atribuírlle cualidades e características acordes coas dimensións que me suxiren a disposición de liñas, o tamaño da cheminea, esta combinación de cores. Incluso máis, penso nas xentes que poden habitala e nun lugar... talvez real.

"Suxestión" (Torre de Hércules)

Imaxe
"Suxestión"    Con esta foto, á que lle puxen por nome " Suxestión ", iniciaba eu  o 3/9/21, en Instagram, a miña andaina fotográfica. Hoxe, case dous anos máis tarde, volvo iniciar con ela o apartado que chamarei " FOTOS ROUBADAS " no que, como anunciaba na presentación deste blog ("A... de antes de máis), pretendo rescatar do cativerio todas as imaxes que me foran arrebatadas, coma quen di, da noite para a mañá e que para min teñen, ademais do significado testemuñal inevitable, un gran valor emocional. Agardo que gocedes deste material e que compartades comigo estas experiencias fotográficas.

Elliott Erwitt

Imaxe
Elliott Erwitt     Nado en París (26 de xullo de 1928) é un fotógrafo estadounidense. Traballou para os máis importantes medios de prensa. A súa calidade artística e o seu grande impacto comunicacional situárono nun lugar moi destacado entre os fotógrafos do s. XX.  É moi coñecido polas súas fotos en branco-negro cheas de ironía e situacións absurdas en escenarios cotiáns... Membro da MAGNUM PHOTOS desde 1954. Atribúese a Elliot Erwitt a seguinte reflexión:  "A fotografía é unha arte de observación. Ten pouco que ver coas cousas que ves e todo que ver coa forma en que as ves"

Antes de máis... (a modo de Presentación)

Imaxe
  "Na senda do caracol"    ESTE blog, que inicia hoxe a súa andadura, ten como orixe nunha experiencia negativa: o roubo da miña conta de Instagram e a imposibilidade de recuperala. Denunciado o feito na policía, en Facebook e no propio Instagram, a ninguén pareceu importarlle. Non houbo respostas. Decidín non deixarme levar polo desánimo e volver comezar, pero esta vez non desde cero. No meu propósito está  restituír aquelas "fotos roubadas",  incorporar o novo material fotográfico que vaia facendo e tamén, por que non, abrir un espazo para a reflexión sobre o significado da fotografía a partir do pensamento de fotógrafos e fotógrafas que poidan servirnos de referente a todas as persoas que sentimos algún tipo de paixón por esta arte. Neste inicio, a primeira foto desta nova xeira á que puxen por título "a senda do caracol"... así me sinto.